Home
O Centro
Proxecto NEE

Proxecto NEE

O Conservatorio Profesional de Música de A Coruña é un centro que participa activamente en numerosos proxectos solidarios e de cooperación e que dende hai uns anos se preocupa especialmente pola integración social de persoas discapacitadas.

O proxecto que actualmente estamos levando a cabo responde á necesidade e preocupación de permitir o acceso ás ensinanzas regradas de música a todo tipo de alumnado e, polo tanto, tamén a alumnado con necesidades educativas especiais.

Como PROXECTO DE INNOVACIÓN EDUCATIVA, foi autorizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia en 2011. A orde autoriza ó noso centro (único en Galicia) a posta en marcha, con carácter experimental, dun proxecto para a incorporación deste tipo de alumnado ás ensinanzas elementais de música. Podedes consultar a lexislación referida a este proxecto nos seguintes enlaces:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2011/20111226/AnuncioC3F1-191211-9991_gl.pdf
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2013/20130621/AnuncioG0164-170613-0001_gl.pdf
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2014/20140616/AnuncioG0164-090614-0001_gl.pdf

Anteriormente a obter a aprobación do proxecto, no centro xa leváranse a cabo outras experiencias previas destinadas a rapaces con NEE, como un concerto de música sensorial ou un Obradoiro de Musicoterapia no que ó longo de varios meses un grupo de profesores poidemos traballar con alumnos con discapacidade psíquica guiados por un musicoterapeuta.

Tras estas experiencias, e tras analizar proxectos similares desenvoltos noutros centros (como en Torrent – Valencia), decidimos descartar o enfoque musicoterapéutico para fundamentalo simplemente na Educación Musical per se, xa que a educación musical contribúe sempre á formación integral da persoa, e neste caso convértese nun excelente medio de inclusión social.

PROBAS DE ACCESO

As probas de acceso son un requisito indispensable para acceder ás ensinanzas regradas de música, de forma que se aseguren unhas aptitudes musicais mínimas que permitan ós aspirantes iniciar os seus estudos nas diferentes especialidades instrumentais.

No caso do alumnado con NEE establecéronse algunhas normas:

• O alumnado debe ter unha idade comprendida entre os 8 e 18 anos.
• Deberán acreditar o certificado de discapacidade así como un informe psicopedagóxico.
• Realizarán o mesmo tipo de probas de acceso que o alumnado de acceso libre. É dicir, probas de aptitudes rítmicas, melódicas e psicomotrices.
• Para estes alumnos resérvase o 3% do total das prazas ofertadas polo centro.
• Será o tribunal avaliador quen adxudique o instrumento, sempre en función das prazas ofertadas e das capacidades psicomotrices de cada alumno.
• A matrícula para a realización da proba de acceso deberá formalizarse na secretaría do centro nos periodos establecidos (habitualmente no mes de maio).

ORGANIZACIÓN ACADÉMICA

En canto ó desenvolvemento do proxecto, esta experiencia educativa encádrase no Decreto que establece o currículo de Grao Elemental na nosa comunidade e por este motivo respecta no esencial os seus obxectivos.

No curso actual 2017/18 contamos con 8 alumnos que participan no proxecto en diferentes especialidades instrumentais (percusión, piano, frauta, trompa, trombón, clarinete e viola).

Os alumnos do PROXECTO NEE teñen a mesma carga lectiva semanal que os alumnos ordinarios :
– 2 horas semanales de Linguaxe Musical
– 1 hora semanal de Educación Auditiva e Vocal (Coro Infantil)
– 1 hora de clase individual de instrumento
– 1 hora de clase colectiva naquelas especialidades nas que poida ofertarse.